A Sagrada Familia:
A construción comezou en estilo neogótico, pero, ao asumir o proxecto Gaudí en 1883, foi completamente reformulado. Segundo o seu proceder habitual, a partir de bosquexos xerais do edificio improvisou a construción a medida que avanzaba. Fíxose cargo con só 31 anos, dedicándolle o resto da súa vida, os últimos quince en exclusiva.
Unha das súas ideas máis innovadoras foi o deseño das elevadas torres cónicas circulares que sobresaen apuntadas sobre os portais, estreitando coa altura. Proxectounas cunha torsión parabólica dando unha tendencia ascendente a toda a fachada, favorecida por multitude de ventás que perforan a torre seguindo formas espirales.2
O templo, cando estea rematado, dispoñerá de 18 torres: catro en cada unha das tres entradas-portais e, a xeito de cúpulas, dispoñerase un sistema de seis torres, coa torre ciborio central, dedicada a Xesús, de 170 metros de altura, outras catro arredor desta, dedicadas aos evanxelistas, e un segundo ciborio dedicado á Virxe. O interior estará formado por innovadoras columnas arborescentes inclinadas e bóvedas baseadas en hiperboloides e paraboloides buscando a forma óptima da catenaria.
En 1926 morreu Gaudí; só se construíra unha torre. Do proxecto do edificio só se conservaban planos e un modelo en xeso que resultou moi danado durante a Guerra Civil española.3 Desde entón proseguiron as obras:actualmente están rematados os portais do Nacemento e da Paixón, e iniciouse o da Gloria, e están en execución as bóvedas interiores. A obra que realizou Gaudí, é dicir, a fachada do Nacemento e a cripta, foi incluída pola Unesco no ano 2005 no Sitio do Patrimonio mundial «Obras de Antoni Gaudí». É ademais, dende 2007, un dos 12 Tesouros de España.4